O Concello ofrece oito entradas para acudir ó Trofeo Teresa Herrera de Fútbol

A Deputación da Coruña vén de suscribir un convenio de cooperación co Concello da Coruña, en virtude do cal pon a disposición dos concellos e, entre eles Valdoviño, entradas para asistir ó "Trofeo Teresa Herrera de Fútbol". En concreto, o Concello conta con oito entradas que pon a disposición daqueles nenos e nenas que estean federados-as como practicantes de fútbol base ou a nenos-as que pertenzan a familias en risco de exclusión social. Así mesmo, ofrecerase unha entrada a un adulto para que acompañe ó menor.
 
O "Trofeo Teresa Herrera de Fútbol" terá lugar no Estadio de Riazor o próximo día 14 de novembro. O trofeo feminino celebrarase a partires das 18,15 horas, entre o Deportivo da Coruña e o Atletic Club Bilbao, e o masculino, a partires das 20,45 horas, entre o Deportivo da Coruña e o Atletic Club de Bilbao.
 
Para optar a unha das entradas, é preciso solicitalo no Rexistro Xeral do Concello, de 9 a 14 horas, cubrindo un impreso de solicitude que tamén pode descargarse da web municipal –www.concellodevaldovino.com-. O Concello apunta que é obrigatorio presentar unha fotocopia da ficha federativa de fútbol e, no caso de residir en Valdoviño, un volante de empadronamento –que pode solicitarse no rexistro-, xa que terán preferencia no caso de que a demanda supere a oferta. O prazo para solicitar a correspondente entrada conclúe o luns, 12 de novembro, ás 14 horas.