Valdoviño acollerá un obradoiro de cociñado de peixes e mariscos da Mariña-Ortegal

A cociña do CPI Atios de Valdoviño será escenario dun obradoiro de formación en cociñado de peixes e mariscos da Mariña-Ortegal. Organizado polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro A Mariña-Ortegal (GALP A Mariña-Ortegal), terá lugar o sábado 20 de outubro, entre as 10 e as 14,30 horas. A acción, de carácter gratuíto, precisa de inscrición previa, xa que as prazas están limitadas a 20, e pode formalizarse dende xa na casa consistorial de Valdoviño.
 
O obradoiro vai dirixido ó tecido asociativo do municipio e sociedade en xeral e o seu obxectivo é dar a coñecer as posibilidades gastronómicas que os produtos pesqueiros e marisqueiros do territorio atesouran. Este, xunto ó resto de obradoiros previstos polo GALP, será impartido por Miguel Mosteiro, cociñeiro especializado na gastronomía galega e a cociña de territorio. Entre outros contidos, mostraranse técnicas de limpeza, desespiñado ou mesmo fileteado de peixes, e elaboraranse varias receitas empregando produto pesqueiro da Mariña e do Ortegal como base, acompañado doutros produtos autóctonos.