XVIII Mostra das Asociacións de Valdoviño este sábado na parroquia de Vilaboa

A parroquia de Vilaboa convertirase este ano na sede da Mostra das Asociacións de Valdoviño, unha cita multitudinaria que alcanza a súa XVIII edición. O campo da festa albergará este sábado o encontro, que dará comezo ás 13 horas e se prolongará ata ben entrada a noite. Organizada polas asociacións culturais, veciñais e deportivas, a asociación de amas de casa, a ANPA e o Concello de Valdoviño, a mostra conta coa colaboración das cooperativas do municipio –Lago, Meirás e Vilaboa-.
 
O programa inclúe unha morea de actividades. En primeiro lugar, e nada máis rematar o acto de inauguración, as palilleiras de Valdoviño realizarán unha exhibición en directo do seu traballo. De seguido, está programado o xantar popular. Será ás 14,30 horas e o menú inclúe empanada, churrasco, bebidas, postre e café. O prezo é de 13 euros para o público adulto e de 6 para os menores –ata 12 anos-. Os interesados en tomar parte deben mercar os seus tickets nas diferentes asociacións de Valdoviño. O prazo remata o xoves 14.
 
Ás cinco da tarde comezarán as actuacións dos diferentes grupos de baile das asociacións do Concello e o sorteo de agasallos cedidos por estas entre aqueles que mercasen a súa rifa.