Valdoviño celebra o Día Internacional dos Museos cunha visita guiada por Vicente Irisarri ó Océano Surf Museo

O Concello de Valdoviño conmemorará este ano o Día Internacional dos Museos cunha visita guiada ó Océano Surf Museo. Un percorrido moi especial xa que estará guiado por Vicente Irisarri, cofundador do Océano Surf Club e un dos inspiradores, xunto a Jesús Busto, do propio museo valdoviñés. A cita coa historia do surf terá lugar este venres, coincidindo coa efeméride, a partir das 18 horas e participación libre. Non é preciso inscrición previa.
 
Irisarri realizará un percorrido por un museo que abría as súas portas a finais de 2017 e se convertía no primeiro de España adicado en exclusiva, e de xeito permanente, ó mundo do surf.
 
O Océano Surf Museo está ubicado na Casa da Cultura, edificio singular Premio Nacional de Arquitectura e obra do prestixioso arquitecto Manuel Gallego Jarreto. Ocupa a súa primeira planta, unha gran galería acristalada aberta á praia da Frouxeira e válese tamén da sala de exposicións do inmoble para impulsar mostras temporais e do auditorio, como escenario de ciclos de cine, festivais de música ou charlas e congresos. Conta con paneis informativos, audiovisuais, obxectos únicos e singulares e un espazo de realidade virtual.
 
O museo abre de luns a domingo e a entrada é gratuíta. Os horarios: de luns a venres de 12 a 14 h e sábados, domingos e festivos amplíao tamén á tarde, de 16 a 19 h. Con previa reserva, ofrece visitas guiadas ós centros educativos.