O Concello saca a contratación a explotación da cafetería da praia da Frouxeira

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá de que o Concello vén de sacar a contratación a explotación da cafetería ubicada na praia da Frouxeira. As persoas interesadas en optar ó contrato poden presentar a súa solicitude dende hoxe mesmo. Así se recolle no anuncio de licitación publicado onte no Boletín Oficial da Provincia (BOP), co que se abre o prazo de presentación por espazo de 15 días naturais.
 
O contrato contempla unha duración de tres anos, cunha posible prórroga doutro máis. O prezo base de licitación é de 500 euros ó mes e a explotación tamén conleva a obrigatoriedade de asumir o mantemento dos aseos públicos próximos e ós emprazados no aparcadoiro das inmediacións.
 
A cafetería ten unha superficie construída de 93 metros cadrados e foi levantada hai unha década pola Dirección Xeral de Costas no marco do proxecto “Acondicionamento ambiental e mellora de servizos na praia de A Frouxeira. 1ª Fase T.M. Valdoviño (A Coruña)”. Sitúase próxima ó posto de socorrismo e ó aparcadoiro principal. De planta rectangular, conta no seu interior cunha zona de mesas, unha barra e un pequeno almacén. Os baños ubícanse sobre a fachada norte, con acceso independente e directo desde o exterior. Así mesmo, conta con terraza con pérgola.
 
O contrato establece que a cafetería deberá permanecer aberta todo o ano. Durante os meses de novembro a xaneiro, inclusive, poderá permanecer pechada os luns e martes, debendo adaptarse en canto a horario de apertura ao disposto na normativa autonómica vixente. Como mínimo, fíxase o seguinte horario de apertura e peche: de febreiro a outubro (ambos incluídos) de 9 a 22 horas, e de novembro a xaneiro (ambos incluídos) de 10 a 20 horas.
 
Toda a información sobre esta licitación está dispoñible no Perfil de contratante da web: Licitación contrato administrativo especial para a explotación da Cafetería sita na praia da Frouxeira de Valdoviño.