Valdoviño presenta este sábado o Calendario Municipal do 2018

O acto celebrarase no auditorio da Casa da Cultura e, ó remate, entregaranse gratuítamente ó público asistente
 
A xornada complétase co espectáculo de circo e clown para público familiar “Concerto Singular”, a cargo da compañía Píscore
 
O alcalde, Alberto González, invita a veciños e veciñas a asistir mañá sábado á presentación do calendario municipal do 2018. O acto celebrarase no auditorio da Casa da Cultura, a partir das 18,30 horas, con entrada libre. Nesta ocasión, todas as imaxes que ilustran os meses do próximo ano preséntanse baixo un lema común: “Aínda hai paraísos e están aquí”. Así, cada páxina amosa unha paisaxe do municipio que, a simple vista, semella pertencer a toutro destino, especialmente turístico como Escocia, Australia ou Finlandia. Trátase dunha idea orixinal do profesor Manuel González na que participaron activamente os docentes Roberto Fernández e Quique Freire, quenes cederon as fotografías. Ó remate do acto entregarase ó público o calendario, que tamén estará dispoñible na casa consistorial, Casa da Cultura e locais veciñais.
 
A xornada do sábado completarase cunha novidosa proposta cultural, prevista para as 19 horas e tamén con entrada de balde e libre ata completar aforo. Trátase do “Concerto singular” de Píscore, premio do público Festiclown 2017. A compañía achega ó público a mellor música e moito humor para un concerto singular nunha proposta que se enmarca na liña dos grandes espectáculos que misturan o virtuosismo musical e os ritmos coa comedia xestual, o clown e a participación do público. Organizado pola Concellería de Cultura, a función inclúese na Rede Cultural da Deputación.