Arjé Teatro trae este sábado a Valdoviño “A danza de Salomé”, de Oscar Wilde

 
 
 
A Casa da Cultura de Valdoviño albergará este sábado, 7 de outubro, a representación teatral da obra “A danza de Salomé”, do dramaturgo Oscar Wilde, a cargo do grupo Arjé Teatro. Será a partir das 20 horas, con entrada libre e gratuíta ata completar aforo. A compañía da agrupación do IES Breamo de Pontedeume, conta cun plantel de actores e actrices de entre 12 e 18 anos. Traen a Valdoviño unha das súas últimas funcións, que dirixen Fernando Querol e Javier de Melo, e coa que colleitaron varios premios este ano.
 
No pasado mes de maio, Arjé Teatro ofreceu esta peza ó alumnado do CEIP Atios de Valdoviño, e agora regresan ó municipio para que o público en xeral poida disfrutar da obra, non recomendada para menores de 12 anos.
 
Salomé é un dos mellores textos de Wilde e sen dúbida o máis decadente e poético. Provocativa e incendiaria, Salomé coñeceu a censura e o repudio desde a data da súa estrea en 1896, pero acabou triunfando e alcanzando o recoñecemento que hoxe ten. Os personaxes son símbolos de paixón e morbosidade: Salomé e Antipas están posuídos pola lúa, e a lúa é unha deusa que pode simbolizar as paixóns ocultas, a ambigüidade, a atracción doce do prohibido, a tolemia e a morte.
 
A obra de Wilde posúe unidade de acción, lugar e tempo. A súa duración é a mesma da historia que se conta: menos de hora e media na noite dunha festa no palacio do rei Antipas. Nese espazo-tempo concentrado, desencadearanse multitude de dramas e paixóns que conducirán aos personaxes ao seu destino tráxico.