Lectura colectiva, contacontos e agasallos para celebrar o Día do Libro en Valdoviño

Veciños e veciñas de Valdoviño teñen unha cita este domingo, 23 de abril, na Casa da Cultura. Será este o escenario principal da conmemoración do Día do Libro Infantil e Xuvenil e o Día do Libro organizada polo Concello a través da Concellería de Cultura.
 
Dará comezo ás cinco da tarde con entrada libre e de balde e o programa inclúe unha lectura colectiva da obra de Gloria Fuertes, así como doutras escritoras e escritores de literatura infantil. As persoas interesadas en participar poden achegarse media hora antes, ás 16,30 horas, e trasladalo aos técnicos de Cultura.
 
Así mesmo, e tras esta actividade, o Concello propón a narración dramatizada “Cervantes vs Shakespeare”, a cargo de Caxoto Contacontos. Pensado para público familiar e nenos e nenas a partir de cinco anos, prevese que comece ás 18 horas. Un espectáculo que nos achegará ás vidas de Cervantes e Shakespeare, ás súas obras e ó periodo histórico que lles tocou vivir. Dende o Quixote e Sancho Panza ata Romeo e Xulieta… unha viaxe polas cousas que tiñan en común e polas que os distanciaban.
 
Por último, o Concello avanza que, fóra desta xornada, agasallará ós nenos e nenas do CPI Atios e das escolas unitarias cun exemplar de “Os Bolechas van a Valdoviño”, centrado nas aventuras desta popular familia de debuxos animados na súa visita ó municipio.