O Concello saca a contratación o servizo de socorrismo por 120.000 euros

O alcalde, Alberto González, informou esta mañá de que o Concello vén de sacar a contratación o servizo de salvamento e socorrismo de cara ao verán. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicaba onte o anuncio de licitación, co que se abre oficialmente o prazo para a presentación de ofertas por parte das empresas. O contrato ascende a 120.000 euros e convirte a Valdoviño nun dos municipios que máis inviste na seguridade das súas praias. Así mesmo, o rexidor destaca que, por primeira vez, este ano se ampliará o servizo ata o 7 de setembro nas praias do Rodo –Pantín- e A Frouxeira, aquelas con maior afluencia de bañistas.
 
Ademais, os socorristas comezarán a súa actividade o 1 de xullo e estarán, amáis das citadas, nos areais de Meirás, O Baleo, Vilarrube e Campelo.
 
Xa o ano pasado o Concello realizou o maior esforzo inversor dos últimos anos en materia de seguridade, destinando unha partida de 107.250 euros no servizo de socorrismo. Isto é, 15,88 euros por habitante. Unha cifra significativa se se compara con cidades coma Vigo (1,20 euros/hab) ou A Coruña (1,33 euros/hab) ou incluso localidades cun gran tirón turístico como O Grove (8,85 euros/hab), Miño (6,68 euros/hab) ou Oleiros (3,52 euros/hab).
 
E é que as características privilexiadas das praias de Valdoviño son un auténtico reclamo para moitos veciños da súa área de influencia e do resto de España, que elixen á localidade ano tras ano como destino vacacional, especialmente entre o 15 de xullo e o 15 de agosto. 
 
Toda a información sobre esta licitación está dispoñible no Perfil de contratante: Servizo de salvamento e socorrismo 2017.